GRADIANT leva súa Biometría á primeira liña do escaparate mundial
O Centro Tecnolóxico TIC de Galicia expón a súa tecnoloxía integrable de recoñecemento biométrico no Biometrics2015 de Londres, a cita más importante do calendario a nivel mundial, nun stand de seu por segundo ano consecutivo.
No evento citáronse, coma tódolos anos, as empresas señeiras do escenario mundial en materia de biometría, integradores de sistemas e provedores de solucións de identificación y autenticación. A presenza de Gradiant enmárcase dentro da súa aposta pola internacionalización do seu portfolio tecnolóxico en beneficio da industria galega.
A tecnoloxía desenvolvida por Gradiant canto a recoñecemento e identificación biométrica colleitou un enorme éxito na cita londiniense. Polo stand do Centro Tecnolóxico pasaron empresas de tódalas partes do mundo, interesadas en integrar a tecnoloxía propiedade de Gradiant nos seus produtos. Gradiant ten en carteira solucións robustas de recoñecemento facial con detección de vida, de recoñecemento de sinatura manuscrita e tamén de recoñecemento de locutor, todas elas operativas en dispositivos móbiles coma smartphones e tablets, e doadamente integrables en solucións e productos de terceiros.
Co gallo deste evento, Gradiant puxo en marcha un microsite que pode visitarse en www.biometricsbygradiant.com, e do que se poden descargar as demos plenamente operativas das súas solucións seguras e integrables de recoñecemento biométrico. O microsite estrea tamén unha evolución da linguaxe visual do Centro, elaborada en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que irá extendendo progresivamente ás restantes liñas de traballo do Centro.
Además da súa presencia coma expositor, Gradiant tamén tivo presencia destacada nas ponencias de expertos de primeiro nivel mundial que se celebraron arredor do evento: Esteban Vázquez, un dos enxeñeiros do Centro pertencente ó equipo especializado en biometría, ofreceu unha conferencia para os asistentes á cita londiniense durante o segundo día do evento.