
O proxecto Terrae pretende deseñar e validar un sistema integral para proporcionar acceso por satélite aos canais da Televisión Dixital Terrestre naqueles lugares nos que a cobertura terrestre non o permite. O sinal recibido do satélite debe ser utilizado exclusivamente naqueles lugares que se atopen en sombra da difusión da TDT pública pola súa inaccesibilidade xeográfica.
O obxectivo principal de TERRAE é o desenvolvemento dunha ferramenta que permita o acceso dos cidadáns aos contidos dixitais da TDT aproveitando o sinal primario de distribución vía satélite aos centros de difusión. Dito sinal empregarase exclusivamente naquelas zoas que non reciban sinal dixital terrestre, facendo uso para elo dun receptor especialmente deseñado para proporcionar dito servizo.
Para asegurar toda a funcionalidade do sistema, este debe ter acceso a datos fidedignos do catastro e de niveis de cobertura TDT, polo que deberá estar aliñado cos datos proporcionados polo Instituto Nacional de Estatística e a base de datos de cobertura que mantén o propio Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
A funcionalidade da ferramenta desenvolvida será probada con usuarios reais en zoa de sombra nun piloto deseñado a tal efecto.