Convocados os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convocan unha nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015. Estas distincións foron instituídas coa finalidade de fomentar o apoio e a promoción do sector TIC en Galicia e a súa entrega terá lugar durante o transcurso da XX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que terá lugar o 25 de setembro de 2015 no Gran Hotel da Toxa, O Grove (Pontevedra) e que, este ano, estará adicada á conectividade e ás novas tecnoloxías que posibilitan "o mundo conecado" e a "economía conectada".
As convocatorias abertas dos Premios COETG/AETG son:
– Premio GRADIANT á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2015. Patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) e dotado con 2.000 euros, con este premio preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
– Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2015. Patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros, este premio pretende dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
– Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2015. En colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) este premio é de carácter honorífico, e está destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade.
– Premio INEO ao Produto ou Servizo TEIC orientado ao "Internet das cousas" 2015. Patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (INEO) e de carácter honorífico, e está destinado a recoñecer as empresas que estean a contribuir á modernización e á innovación na economía galega.
Máis información e acceso ás convocatorias na web www.aetg.gal
A DATA DE RECEPCIÓN DE CANDIDATURAS REMATA PARA TODOS OS PREMIOS O 13 DE XULLO ÁS 9.00 HORAS. AS SOLICITUDES ENVIARANSE ÓS CORREOS ELECTRÓNICOS administracion@aetg.gal e administracion@coetg.gal