Un enxeñeiro informático gaña o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoural aplicada ao sector TIC
Gradiant | Redacción
O enxeñeiro informático Guillermo López Taboada foi galardoado co Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoural aplicada ao sector TIC dotado con 2.000 euros pola súa investigación tese “Design of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing”. A entrega do premio tivo lugar na celebración da XVII Noite Galega das Telecomunicacións que se celebrou o pasado 26 de outubro, no Gran Hotel da Toxa (O Grove, Pontevedra) baixo o lema “Smart Cities, a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns”.
A gala, organizada polo polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) e patrocinada por Gradiant, contou coa presenza de numerosas autoridades autonómicas, provinciais e locais entre as que destacan o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de A Coruña, Carlos Negreira.
Tecnoloxía galega de primeiro nivel
Durante a gala entregáronse os tradicionais Premios Galicia das Telecomunicacións, nos que José Luis Barreiro Conde, directivo do Grupo Televes, é o Enxeñeiro do Ano desta edición. Unha distinción instituída polo COETG para recoñecer o destacado labor profesional de enxeñeiros de telecomunicación como Barreiro Conde, quen desde o punto de vista colexial participou activamente na fundación da AETG e desde o punto de vista profesional foi o responsable de impulsar o moderno modelo produtivo de Televes e da implantación da loxística do Grupo.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado pola AETG e impulsado pola AMTEGA recaeu na aplicación móbil Pictodroid Lite de Accegal. Un proxecto de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (centro público dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia) e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo para a elaboración de solucións de accesibilidade para as persoas con discapacidades baseadas en dispositivos móbiles.
No tocante ao Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012, o galardón recaeu no Proxecto LIFE+Viñas Atlánticas da Deputación de Pontevedra, quen lidera o proxecto, en colaboración coas adegas: Martín Códax, Condes de Albarei e Paco&Lola. O COETG e a AETG tamén entregaron un ano máis, o Premio Ingeniero Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC, nesta edición outorgado á empresa Vmodal Interactive S.L. polo proxecto “Intelixente. La voz de tu cliente”.